Apróbase o regulamento do canon dixital con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado

venres, 7 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Soraya Sáenz de Santamaría e Ana Pastor informaron da aprobación do Real Decreto tras o Consello de MinistrosO Consello de Ministros aprobou hoxe un Real Decreto que regula o procedemento de pagamento da compensación equitativa por copia privada con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado tal e como previra o Real Decreto Lei de 30 de decembro de 2011 que suprimía o chamado canon dixital para cumprir coas sentenzas do Tribunal Superior da Unión Europea e da Audiencia Nacional que consideran incorrecto a gravación de soportes e dispositivos de xeito indiscriminado.
Deste xeito, o canon dixital non estará incluído nos produtos de electrónica de consumo e soportes de gravación, senón que pagarase indirectamente a través de impostos como medida para compensar o prexuízo causado aos autores pola copia privada, calculándose a cantidade a satisfacer mediante criterios obxectivos como o a estimación de copais realizadas e o seu impacto na venda de obras, o prezo medio, a vixencia dos dereitos de propiedade intelectual das obras, o dano mínimo, a aplicación de medidas tecnolóxicas ou o diferente impacto da vixencia do límite segundo o carácter dixital ou analóxico das reproducións.

Segundo este regulamento o primeiro trimestre de cada ano iniciarase o procedemento de determinación da contía sobre os datos do ano anterior, resolvendo a contía correspondente e a súa distribución entre cada unha das modalidades de reprodución afectadas por copia privada (audio, vídeo e libro) o Ministro de Educación, Cultura e Deporte.
As entidades de xestión encargadas de repartir o canon entre os seus asociados deberán dedicar un 40% do importe da compensación equitativa por copia privada á promoción de actividades de carácter asistencial e á realización de actividades de formación e promoción de autores e artistas intérpretes e executantes. Tamén deberán informar á Secretaría de Estado de Cultura respecto do reparto das cantidades.

PUBLICIDADE