Apróbase o novo réxime xurídico da radiodifusión en Galicia

xoves, 29 de marzo do 2012 Redacción

O presidente da Xunta na xuntanza do Consello desta mañá

O Consello da Xunta deu esta mañá luz verde ao novo réxime xurídico da radiodifusión en Galicia, substituíndo á normativa en materia de comunicación radiofónica do ano 1989 e adaptándose ao regulamento estatal establecido na Lei de Comunicación Audiovisual do 31 de marzo de 2010, que dá aos servizos de comunicación audiovisual a categoría de servizos de interese xeral, e establece a posibilidade de explotar as emisoras de radiodifusión baixo réxime de licenza (ata o momento era preciso facelo coma concesión) sempre que se faga uso do espectro radioeléctrico. No caso de transmisións doutro tipo (por exemplo, por cable), poderase recorrer ao sistema de comunicación previa, non precisándose de licenza para a prestación do servizo.
A nova norma recolle as suxestións e observacións feitas polo Consello Consultivo de Galicia sobre o texto inicial. O decreto clasifica e distingue os prestadores de servizos de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada que realicen comunicacións comerciais, os servizos públicos de comunicación audiovisual prestados por entidades locais e os servizos de comunicación audiovisual comunitarios ou sen ánimo de lucro.
O decreto aprobado hoxe polo Goberno galego establece o procedemento que se seguirá para outorgar as licenzas para a prestación do servizo de comunicación radiofónica. Así mesmo, introduce como novidade a creación do Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual que, consonte o establecido na Lei estatal, ten por obxecto a inscrición de todos os servizos de comunicación tanto radiofónicos como televisivos.

PUBLICIDADE