Apróbase o Decreto Lei que regula a TDT de pago en España

xoves, 13 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Esta mañá no Consello de Ministros extraordinario aprobouse finalmente o Decreto Lei que autoriza a Televisión Dixital Terrestre de pago en España, no que o Goberno considera que servirá para «unha maior implantación» da TDT e abrirá novas posibilidades de negocio, de xeito que os operadores de televisión que o desexen poderán solicitar a posibilidade de ofertar servizos de pago, o que abre «novas vías de financiamento para as televisións».
Esta medida non conta co consenso do sector audiovisual, de xeito que mentres La Sexta está a favor da súa implantación (principalmente pola súa aposta polas retransmisións deportivas a través da canle Gol TV) mentres que Sogecable considera que suporá a transformación do actual modelo de explotación das televisións privadas. Nesta mesma liña está o Consello de Estado, que considera que o Real Decreto non ten fundamento legal suficiente (aínda que finalmente aprobouse coma Decreto Lei), vulnerando a lexislación de contratos coa Administración, é precipitado, non responde ao interese xeral nin está xustificado por causas imprevistas ou por novas necesidades do sector audiovisual.
O ditame asegura que o texto elaborado polo Ministerio de Industria introduce modificacións esenciais nas concesións de Veo TV, Net TV e La Sexta, que recibiron unha licenza para emitir en aberto. Aconsellan que a TDT de pago fose tramitada na futura Lei Xeral Audiovisual.


La Sexta Noticias informa sobre a aprobación da TDT de pago e o que podería supor

PUBLICIDADE