Aproban as especificacións do estándar Wi-Fi N

luns, 14 de setembro do 2009 Marcus Fernández

As redes sen fíos levan uns anos mellorando en prestacións, e aínda que levamos moitos meses vendo produtos compatibles coa conectividade baseada no borrador estándar IEEE 802.11n (tamén chamado Wi-Fi N), non foi ata o pasado venres cando este estándar fíxose oficial, multiplicando a velocidade das conexións baseadas en IEEE 802.11g (o sistema máis empregado na actualidade) e chegando a unhas velocidades máximas teóricas de 300 Mbps, pero tamén permitindo mellores coberturas e menor consumo, polo que todo son vantaxes.
Coa aprobación do estándar remátase unha tarefa que comezou hai 7 anos, e do que xa existe un borrador dende hai 6 anos (pasando por unha ducia de revisións) pero iso non suporá un problema na práctica, pois os produtos actuais que facían uso das últimas especificacións aprobadas son en case a súa totalidade compatibles coa versión definitiva.
Dende a propia Wi-Fi Alliance aseguran que os produtos certificados para o borrador de Wi-Fi N foron probados para operar correctamente co estándar final.

PUBLICIDADE