Aprobados no pleno da Deputación os 8,6 millóns de euros do centro Coruña Estudio Inmersivo (CEI)

luns, 27 de novembro do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña aprobou en pleno, con 17 votos favorábeis (do PSOE, do BNG e de Alternativa dos Veciños) os orzamentos da entidade provincial para o ano 2024, que serán de 222.151.200 euros, a contía máis alta da historia da institución e un 7,2 % superior ao do actual exercicio.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, defendeu que os orzamentos terán como principais prioridades “a creación de emprego, o benestar social e o desenvolvemento do rural” e destacou a gran importancia de programas coma o Plan único de obras e servizos (POS+) ou o Plan de emprego local (PEL), que, segundo dixo, “están sendo fundamentais para a creación de emprego, infraestruturas e oportunidades, en particular nos pequenos municipios da provincia”.
Nos orzamentos 2024, o Plan de Emprego Local (PEL) tamén o seu orzamento en 2024 ata os 16 millóns de euros (un 24,1% máis). Este medre permitirá reforzar programas de contratación de persoal en empresas e concellos e apoio ao emprendemento, pero ademais, o PEL apostará en 2024 por potenciar sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a economía circular ou o sector audiovisual, coa construción de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudio audiovisual virtual de España, que se localizará na Cidade das TIC.
Así, Coruña Estudio Inmersivo (CEI) supón un investimento de 8,6 millóns de euros, co-financiado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España no marco do proxecto España, Hub audiovisual de Europa.
A Deputación adxudicou o pasado agosto a Telefónica o desenvolvemento da tecnoloxía por 6,1 millóns de euros e ten en licitación a construción do edificio que albergará o CEI por 2,5 millóns de euros.
Telefónica encargarase da parte de enxeñaría, dos sistemas de pantallas LED, iluminación, cámara e ópticas, tracking, escenografía virtual e xestión de media, das salas VFX e realizar a posprodución de audio, ademais da instalación, da formación, do mantemento e do soporte técnico.
Segundo explicou a Deputación, o sistema de pantallas LED incorporará unha pantalla semicircular cun mínimo de 28 metros de longo e 6 metros de alto e resolución mínima de 4K e a súa correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, “coa que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade”. Este sistema de pantallas, engadiu a institución provincial que preside Valentín González, “permitirá recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual, emprazándose nun gran plató de 750 metros cadrados co que contará o novo edificio”.
O escenario incorporará a maiores un sistema de iluminación xeral e de reforzo, sistemas de cámaras e ópticas cos seus soportes e accesorios, sistema de tracking, sistema de escenografía virtual, xestión de media, infraestrutura de vídeo e rede de datos. Tamén se inclúe o sistema eléctrico e a dotación tecnolóxica das salas VFX e de posprodución, conseguindo que o equipamento funcione de forma integrada.
A Deputación aclarou recentemente que “a combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED posibilitarán aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de Realidade Aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real”. A entidade provincial tamén salienta que esta instalación innovadora permitirá “asumir un amplo rango de producións cinematográficas ou de series, así como producións broadcast e publicitarias”. Tamén se poderán crear, xestionar e transmitir eventos virtuais en diversos campos como entretemento, educación ou capacitación corporativa, entre outros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "con este estudio audiovisual virtual sitúase á provincia da Coruña na vangarda internacional, mellorando a competitividade das empresas galegas do sector, e poñendo a Galicia como localización estratéxica de producións de cine, televisión ou videoxogos".
Ademais do equipamento, a Deputación xa completou a redacción do proxecto de construción do edificio que albergará o CEI nun edificio de nova construción localizado na Cidade das TIC da Coruña, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros resérvanse para albergar o plató virtual.

PUBLICIDADE