Aprobado un catálogo de solucións que faciliten a extensión de fibra óptica nos cascos históricos

xoves, 20 de xuño do 2019 Redacción

As actuacións de subministro de equipamentos levadas a cabo en Santiago serviron de modelo nos traballos

O Consello do Goberno galego vén de aprobar un catálogo de solucións para facilitar a chegada da Internet avanzada ás zonas históricas das nosas cidades e vilas. A Guía de boas prácticas para actuacións de tendido da rede de Fibra Óptica en contornas urbanas de especial protección e Conxuntos Históricos de Galicia brinda un completo conxunto de solucións técnicas para o despregue de tecnoloxía FTTH nestes zonas. Segundo informou a Xunta, o documento é o punto de partida para “responder” á falta dun procedemento estandarizado para o fornecemento de fibra nas áreas urbanas antigas. Compleméntase con medidas xurídicas e administrativas para facilitar os aportes de infraestrutura.
O catálogo, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o operador público RETEGAL e a Dirección Xeral de Patrimonio, compendia e resume alternativas de equipamento tecnolóxico “viábeis e compatíbeis” coa conservación destes espazos, como o trazado por cornixas coa colocación estratéxica das caixas de conexións soterradas ou en interiores ou, tamén, o soterramento da solución completa ou o despregue da fibra óptica a través das redes de saneamento. Para a elaboración desta catálogo partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de Telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en subministro de fibra óptica elaboráronse unha serie de propostas que se poidan extrapolar a outros conxuntos históricos.
A guía inclúe planos, deseños técnicos e especificacións concretas na que se detallan todos os parámetros arquitectónicos necesarios así como especificacións técnicas das obras e despregues de fibra.
Xunto coa elaboración e publicación do catálogo, a Xunta busca acadar o marco xurídico-administrativo que facilite o equipamento de tecnoloxías de telecomunicación avanzadas nos cascos históricos. Neste punto, o Goberno autonómico lembra que a propia Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana de Galicia xa permite a aprobación de solucións compatíbeis coa extensión de servizos nos conxuntos históricos nos que se determinarán o alcance, características e ámbito destas solucións e actuacións vencelladas á extensión de redes de servizos. Ao fío do devandito, o Goberno galego informa de que se está a traballar (conxuntamente coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural) no desenvolvemento normativo que “garanta a simplificación administrativa dos trámites necesarios para aprobar os proxectos de despregue”. Ademais, solicitarase ao Executivo estatal a clasificación dos centros históricos como “zonas brancas” de maneira que poidan concorrer ás axudas estatais de fornecemento de fibra.
En palabras de AMTEGA, “a falta dunha solución estandarizada para o despregue de infraestruturas de telecomunicación en conxuntos históricos estase a converter nunha problemática cada vez máis limitante para a dinamización tanto comercial como de habitabilidade destas zonas”. Por iso, tamén se traballará nun catálogo de solucións técnicas compatíbeis coa protección do patrimonio e o medio ambiente para a tecnoloxía 5G.

PUBLICIDADE