Aprobada a extinción da Fundación TIC para a súa integración na Deputación de Lugo

xoves, 13 de setembro do 2018 Redacción

O padroado da Fundación TIC da Deputación de Lugo aprobou este xoves a extinción da primeira das entidades para a súa integración na Deputación, logo do acordo do pleno da institución provincial do do 31 de xullo. Ademais, acordouse solicitar ao Protectorado de Fundacións de Interese Galego da Xunta de Galicia que ratifique e publique no DOG a extinción, pasos precisos para que esta sexa efectiva a 31 de decembro de 2018. O padroado presidido por Darío Campos Conde tamén aprobou que comece a operación de liquidación da entidade unha vez publicada a extinción no DOG.
Campos Conde dixo que “o Goberno provincial decidiu iniciar o proceso para integrar a TIC na Deputación dentro da nosa aposta por simplificar as estruturas burocráticas, evitar duplicidades administrativas, reducir gasto público e optimizar recursos materiais e humanos”. Lembrou que estes foron os mesmos criterios aplicados para a extinción do Inludes e o Pazo de Tor, entidades que tamén dependían da Deputación.
O presidente da TIC e da Deputación tamén destacou que “queremos manter e potenciar un servizo que consideramos moi útil para os lucenses”. Neste senso, subliñou “o labor da TIC a prol dos Concellos, das asociacións sen ánimo de lucro, da promoción do uso das novas tecnoloxías entre os veciños da provincia e do ensino de calidade a través da Escola de Imaxe e Son”. Ademais de afondar na simplificación da estrutura da administración, Darío Campos dixo que “coa posta en marcha de todo este proceso tamén é vontade do Goberno igualar as condicións laborais dos profesionais da TIC aos do organismo provincial”.
Acordo do Pleno da Deputación
O padroado da TIC foi convocado en canto se recibiu o acordo do pleno da Corporación provincial do 31 de xullo de 2018, polo que se aprobou inicialmente, coa abstención do PP, a extinción da fundación con efectos a 31 de decembro de 2018, e a asunción por parte da Deputación dos servizos e persoal da TIC. O obxectivo é que o 1 de xaneiro de 2019 a institución provincial se encargue directamente das actividades da Fundación TIC e que os seus profesionais formen parte do seu equipo como persoal subrogado. A Deputación asumirá, por tanto, a única Escola de Imaxe e Son que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual na provincia, así como o apoio e a difusión de actividades desenvolvidas pola propia Deputación, polos Concellos e polo tecido asociativo sen ánimo de lucro.

PUBLICIDADE