Apreixados finalmente os responsábeis do virus da policía

xoves, 14 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O virus da policía, un dos que máis molestias ten causado aos internautas galegos (quen máis quen menos, coñece a alguén que sufrira nas súas carnes a aparición da advertencia falsa de denuncia na súa pantalla), xa está, precisamente, en mans da policía. E menos mal, porque os afectados cóntanse por centos. Segundo informou estes días o Ministerio de Interior, xa están en mans das autoridades os creadores da devandita infección, que como recordaremos obrigaba ao pago dunha sanción por ter baixado arquivos sen as licenzas pertinentes (pago que supostamente ceibaría ao computador do que poderiamos chamar un cadeado virtual, que logo, por moito que se pagase polo devandito, non se daba aberto nin permitía o acceso ao computador de xeito normal).
A operación, que para o Goberno salienta por ser unha das de meirande envergadura das levadas a cabo contra o cibercrime, incluíu a desarticulación da banda responsábel do dito virus, que tivo, polo que se conta, especial incidencia na nosa terra.
Todo indica, segundo apunta a Policía Nacional, que estamos ante un grupo internacional de criminais. As pescudas foron levadas a cabo pola Brigada de Investigación Tecnolóxica (BIT) da Policía Nacional alén do territorio estatal, chegándose a investigar a presenza dos membros da dita banda en varias ducias de países e contándose para isto coa colaboración da Europol e a Interpol. A operación Ransom, así se fai chamar, implicou xa once arrestos. Entre as persoas detidas atópase un mozo ruso de 27 anos que estaba a gozar, no intre do seu arresto, dunhas vacacións nos Emiratos Árabes, moi probablemente a conta das persoas ás que enganou enviándolles o devandito virus e obrigándoas a pagar pola liberación dos seus computadores. Interior fixo saber que está en curso a petición de extradición a España, o país principalmente afectado.

PUBLICIDADE