Apple ten problemas para satisfacer a demanda de baterías para o iPhone 6 Plus

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Tras saberse que Apple facía que os iPhone con baterías degradadas reducisen a súa velocidade de funcionamento sen ter informado de tal práctica a compañía de Cupertivo tivo que dar explicacións e prometer unha compensación, que consistiu principalmente en reducir temporalmente o prezo das substitucións de baterías dos móbiles afectados, de xeito que en vez de ter que pagar 89 euros o cambio custaría só 29 euros, prezo que moitos están dispostos a pagar para renovar o seu móbil, e precisamente iso parece que está a provocar serios problemas de abastecemento para as baterías dalgúns modelos de iPhone, de xeito que nalgúns países para poder cambiar a batería dun iPhone 6 Plus haberá que agardar a finais de marzo ou primeiros de abril, que é para cando prevén ter dispoñibles novas partidas de baterías para satisfacer a inesperada demanda que vén de xurdir.
Outros modelos como o iPhone 6s e o iPhone 6s Plus terían demoras dun par de semanas, mentres que co iPhone SE, o iPhone 7 e o iPhone 7 Plus parece que non hai demoras na meirande parte de países.
Pode entenderse que o feito de abaratar a substitución de baterías de smartphones vellos disparase a demanda, pois en condicións normais estes dispositivos deixarían de utilizarse polo seu comprador orixinal ou de cambiárselle a batería moitos optarían por servizos técnicos non oficiais para conseguir prezos máis reducidos, pero dado que ningún sería tan barato como o novo prezo establecido por Apple como compensación, distorsionouse claramente o mercado.

PUBLICIDADE