Apple rexeita a aplicación oficial de Google Voice para o iPhone

martes, 28 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Que as aplicacións que se incorporan a iTunes teñan que ser aprobadas por Apple é todo un atranco para os desenvolvedores, aínda que está xustificado en moitos casos para que os programas teñan un mínimo de calidade, pero cando os vetos veñen provocados simplemente para eliminar a competidores futuros a cousa non gusta ao público, e o feito de que Apple rexeite a aplicación oficial para o iPhone que abría o uso do servizo Google Voice (dispoñible para moitos outros terminais móbiles) creou moito rebumbio, resucitando o debate sobre a política de control férreo que Apple ten nos seus produtos.
Nos últimos meses, as críticas centrábanse no feito de que Apple non autorizase aplicacións que funcionen en segundo plano (o que limita moito ao iPhone) e incluso a posibilidade de contar cun navegador coma o Firefox (ata o momento Apple só autoriza navegadores web que fagan uso indirecto do seu Safari), pero se agora queren limitar a aparición de aplicacións de VoIP (aparentemente ante presións das operadoras de telefonía móbil) a cousa pinta peor, e non sería de sorprender que moitos usuarios preferisen comezar a pensar noutros terminais (principalmente os baseados en Android) para non estar atados aos designios da compañía de Steve Jobs.

PUBLICIDADE