Apple recoñece problemas de subministro dos iPhone 14 Pro e 14 Pro Max

luns, 7 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A poucas semanas do comezo da campaña de Nadal dende Apple están a apuntar a futuros compradores dos seus móbiles dificultades que poderían facer imposible adquirir un destes dispositivos a tempo para o Nadal ou Reis, especialmente no que se refire aos smartphones máis innovadores, pois son os máis complicados de fabricar e os que teñen maior demanda.
Apple confirma que a produción dos iPhone 14 Pro e iPhone 14 Pro Max ten serios problemas por mor das restricións pola COVID-19 establecidas na fábrica que teñen en Zhengzhou (China), que vén de reducir drasticamente a súa produción.
Aínda que a compañía tomará medidas para paliar o máximo posible os problemas na súa cadea de subministro, é probable que os prazos de espera polos novos móbiles da compañía da mazá experimenten importantes ampliacións nada desexables nesta época do ano. Dado que neste momento os pedidos dos móbiles aténdense en aproximadamente un mes, parece previsible que as unidades que se reserven a finais de mes non poidan atenderse a tempo para o Nadal, o que debería chamar aos interesados a adiantar as súas compras.

PUBLICIDADE