Apple presentou pequenas novidades que chegarán aos seus sistemas operativos

luns, 6 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Para abrir a WWDC deste ano Apple adiantou detalles que chegarán aos seus distintos sistemas operativos así como tamén anunciou os novos procesadores M2, chave na renovación dos MacBook Air e nos MacBook Pro de 13 polgadas.
A madurez dos sistemas operativos de Apple fan que as novidades presentadas non fosen especialmente rechamantes, aínda que cómpre lembrar que estas características non chegarán de vez no mes de setembro, senón que poden ir incorporándose paulatinamente ao longo de moitos meses (de feito, o Control Universal presentado hai un ano chegou oficialmente hai poucos días).
No caso de iOS 16 a principal novidade presentada sería unha nova pantalla de bloqueo, moi personalizable e con detalles que poden lembrar a un Apple Watch, de xeito que a pantalla do móbil presentará información de utilidade antes do desbloqueo do terminal. Tamén hai melloras nas notificacións, nos Modos de Concentración, na Fototeca Compartida de iCloud, nas aplicacións de mensaxería e correo electrónico e incluso na función de Texto en Vivo (que agora tamén poderá aplicarse ao vídeo). É salientable que a aplicación de Salud inclúa un apartado de Medicación para poder preparar e xestionar unha listaxe de medicamentos de xeito cómodo, crear calendarios e recordatorios e levar un control dos medicamentos, vitaminas ou suplementos que tome unha persoa.
Nos equipos informáticos temos como novidade macOS Ventura, que estrea un Organizador Visual que facilita concentrarse na tarefa que se ten en pantalla mentres nos desprazamos entre aplicacións e fiestras; a Cámara de Continuidade permite usar o iPhone como cámara web do Mac; e con Handoff en FaceTime será posible iniciar unha chamada no móbil ou na tableta e pasala ao Mac.
iPad OS 16 tamén avanza na mesma liña, co Organizador Visual para mellorar a multitarefa e a aplicación Freeform, que ofrece un lenzo de formato libre que facilita a colaboración en liña en tempo real (podendo os colaboradores conversar a través de FaceTime).
E para completar os sistemas operativos de Apple temos watchOS 9, que desta volta mudou moi pouco, con actualizacións na app Entreno, melloras nos adestramentos en piscina, a incorporación das fases do sono no control do sono, o control de Medicación (como en iOS) e incluso un historial de fibrilación auricular (que pode axudiar a diagnosticar factores de risco, e que pode descargarse en PDF para poder compartilo co doutor).

PUBLICIDADE