Apple presentou as súas novidades para o escritorio e os móbiles

luns, 6 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Esta tarde tivo lugar o WWDC 2011, evento con 5.200 asistentes no que, entre outras cousas, presentaron por todo o algo as novidades que chegarán na actualización de Mac OS X que chegará no verán e que responde ao alcume de Lion e ao novo sistema operativo para dispositivos móbiles de Apple (iOS 5).

Mac OS X Lion


O Mac OS X 10.7 Lion presume de contar con máis de 250 novidades, entre as que podemos destacar a incorporación de xestos multi-táctiles moi semellantes aos de iOS, a posibilidade de correr aplicación a pantalla completa (algo moi habitual no PC, pero que nos equipos de Apple é unha curiosa novidade que incorporarán dende o principio aplicacións como Mail, iPhone, iMovie ou iTunes), Mission Control (unha interface gráfica que facilita unha vista xeral das aplicacións abertas no Mac), actualización da Mac App Store (a tenda de aplicacións descargables para Mac OS X incluirá detalles como as notificacións vía push e actualizacións diferenciais), a opción Resume para continuar unha aplicación onde se deixou no caso de pechala accidentalmente, o auto-gardado de documentos (tamén diferencial para aforrar espazo de disco) e o sistema de compartición de arquivos AirDrop (que facilita o envío e recepción de documentos cos equipos de Apple que estean ao redor).
Esta nova versión de Mac OS X xa está dispoñible en versión de proba para desenvolvedores e a partires de xullo poderá mercarse a través da Mac App Store por 23,99 euros.

O iOS 5 adáptase á nube


O sistema operativo para iPhone, iPod Touch e iPad tamén terá a súa respectiva actualización no outono, que vai ir moito máis aló dunha mera revisión do sistema para supor toda unha evolución da plataforma móbiles de Apple, orientándose á Rede con moita forza.

As notificacións en iOS estarán accesibles tanto dende a pantalla de desbloqueo como na barra superior

Entre as principais novidades do iOS 5 estaría unha maior integración con Twitter, melloras no navegador web Safari (que conta coa función Reader para facilitar a lectura de páxinas web sen distraccións e a posibilidade de engadir páxinas a unha Reading list para a súa lectura posterior incluso noutros dispositivos móbiles de Apple), un atallo á cámara dende a pantalla de bloqueo do móbil (e a posibilidade de editar as fotografías despois de tomalas), melloras na aplicación Mail (que engade texto en formato enriquecido e outras pequenas melloras, e na versión de iPad permite empregar un teclado partido para facilitar o tecleo cos polgares), a incorporación de Reminders (unha aplicación de xestión de tarefas), Newsstand (unha aplicación semellante a iBooks, que serve para xornais e revistas), iMessage (servizo de mensaxería entre usuarios de iOS moi na liña de Whatsapp ou BlackBerry Messenger, permitindo compartir texto, fotografías, vídeos e contactos) e o Notification Center (de xeito que as notificacións tomarán unha aparencia semellante á dos móbiles con Android, gañando en discreción e comodidade) e, moi especialmente, a sincronización do dispositivo sen conectalo directamente ao PC (tanto para actualizacións de sistema como para os contidos xestionados a través de iTunes).
Nesta última liña Apple presentou tamén iCloud, un servizo de almacenamento na nube que permite gardar documentos, música, fotografías, aplicacións e ata unha copia de seguridade do sistema a través de Wi-Fi ou 3G dende calquera equipo (tanto dispositivos móbiles como de escritorio, incluíndo o PC).
iCloud supón a morte do servizo Mobile Me, e facilita a sincronización de contactos, calendarios e correos como función principal, de xeito que cando un usuario restaure ou merque un novo móbil ou tablet poderá ter a súa información actualizada en poucos minutos.
Este servizo tamén integra distintas funcionalidades como Photo Stream, un álbum dixital sincronizado entre os nosos distintos equipos, que mantén nos trebellos con iOS só as últimas 1.000 imaxes (de xeito que tirará da nube para a nosa galería completa).
A música tampouco quedará nun segundo plano, e iCloud facilitará que as cancións que merquemos en iTunes estean dispoñibles na nube, de xeito que podermos descargalas sen problema dende calquera dos nosos equipos, polo que non precisariamos de mercar varias copias dos mesmos temas. Adicionalmente existe a posibilidade de contratar por 24,99 dólares ao ano (nos EE.UU.) o servizo iTunes Match, que facilita empregar estas posibilidades musicais con música que teñamos no noso ordenador e que non foran adquiridas a través de iTunes (sempre que estean dispoñibles a través da devandita tenda en liña) ata un máximo de 25.000 temas.
A capacidade de iCloud será de 5 Gb para documentos e copias de seguridade, mentres que os contidos descargados de iTunes ou a App Store e as fotografías non computarán dentro deste límite de almacenamento que Apple achegará de balde.
Agárdase que iCloud estea dispoñible no outono á vez que o iOS 5.

PUBLICIDADE