Apple presentará a nova versión do firmware do iPhone o vindeiro martes

xoves, 12 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Apple vén de marcar a data do 17 de marzo para realizar unha presentación na que anunciarán a versión 3.0 do sistema operativo do iPhone, aínda que se supón que a presentación xirará ao redor dunha versión mellorada do kit de desenvolvemento de software para o terminal móbil de Apple. O evento non tería por qué ser o lanzamento real dos produtos presentados, senón un adianto para unha futura renovación do iPhone, posiblemente de cara ao verán, manténdose así o ritmo habitual deste produto, que parece planificado para ter lixeiras modificacións anuais.
Polo momento xa hai rumores bastante fiables de que o iPhone 3.0 podería incluír o soporte de MMS e a posibilidade de utilizar o iPhone coma modem a través de Bluetooth e USB, o que podería ser de grande utilidade para os usuarios que xa pagan unha tarifa plana de datos para o seu terminal (aínda que en casos coma o español non estaría autorizado o uso desta funcionalidade, pois o plan de datos de Movistar é explicitamente para conexións dende o móbil, e non dende un ordenador).

PUBLICIDADE