Apple podería ter acordado a compra de Beats Electronics por 3.200 millóns de dólares

venres, 9 de maio do 2014 Marcus Fernández

A compañía estadounidense Beats Electronics conseguiu moita visibilidade nos últimos anos coa súa marca Beats by Dr. Dre, asociada principalmente a auriculares dun prezo un tanto elevado (considerado como elevado pola súa discutible calidade) pero que conseguiu converterse en todo un referente cultural grazas ao apoio de numerosos artistas da industria musical, o que levou hai preto de 3 anos a HTC a facerse co 50,1% da compañía por 309 millóns de dólares, de xeito que era o único fabricante de smartphones que podía utilizar esta marca nos seus produtos. Pero esta aventura conxunta entre HTC e Beats non durou moito, e o pasado ano HTC desprendeuse das súas participacións na empresa, dando a entender que non fixo un bo investimento, polo que agora sorprende a información publicada polo Financial Times na que dan a entender que Apple está a negociar a compra de Beats Electronics por 3.200 millóns de dólares, no que sería a adquisición máis grande realizada na historia da compañía de Cupertino.
O propio Dr. Dre, rapeiro detrás desta marca, apareceu en Facebook nun vídeo publicado polo actor Tyrese Gibson, no que o artista figura aparentemente bébedo, celebrando a venda da súa compañía, mentres o actor que o acompaña di que Forbes vai ter que actualizar a súa listaxe coas persoas máis ricas do mundo, ao que engaden que Dr. Dre converteríase no “primeiro mil millonario do hip-hop, aquí, na puta Costa Oeste”. O vídeo en cuestión retirouse ás poucas horas, polo que enténdese que estamos ante unha confirmación informal da operación que queda pendente do anuncio oficial por parte de Apple.
Segundo comentan distintos medios especializados, a operación de adquisición de Beats non buscaría facerse cun fabricante de auriculares, senón que pretendería a compra de Beats Music, servizo de streaming de música baixo subscrición que lanzaron a primeiros de ano nos EE.UU. Haberá que agardar ao anuncio oficial da operación para saber o que Apple fará realmente con Beats, pero polo momento temos a impresión de que a compañía da mazá trabada busca potenciar a súa presenza na industria musical, da que parecía afastarse pouco a pouco coa caída de vendas do iPod e a emerxencia doutros dispositivos nos que a imaxe ten un maior peso.


Vídeo no que Tyrese Gibson e Dr. Dre celebran a suposta compra de Beats por parte de Apple

PUBLICIDADE