Apple podería presentar un casco de realidade virtual o ano que vén

xoves, 21 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O analista tecnolóxico Mark Gurman retoma en Bloomberg os rumores de que Apple está a preparar unhas lentes de realidade aumentada, que levan moitos anos circulando, pero destaca o feito de que ese proxecto aínda tardará en materializarse, polo que primeiro deberemos agardar por un casco bastante máis básico que chegaría a un prezo moi elevado, de xeito que sería un produto de nicho que facilitaría a introdución a unha tecnoloxía moi ambiciosa e prometedora.
O dispositivo inicial chegaría despois de darlle moitas voltas e sería máis semellante aos cascos de realidade virtual como os Oculus Quest 2, de xeito que serviría para moverse en contornos tridimensionais para xogar, facilitaría a reprodución de vídeo e tamén contaría con prestacións de comunicación, pero as funcións de realidade aumentada serían moi limitadas. Como moi cedo vería a luz en 2022, enfrontándose así a dispositivos bastante consolidados como Oculus, PlayStation VR e HTC Vive.
Gurman busca así reducir as expectativas que moitos teñen postas na aposta de Apple pola realidade aumentada, xa que trátase dunha xogada a moi longo prazo. Dado que o primeiro produto desta liña, coñecido polo nome en clave N301, estaría rematando a súa fase de prototipo, e serían un casco de realidade virtual moi potente e con moita resolución, o que faría que o seu prezo fose superior ás solucións que actualmente hai no mercado, de aí que non vaia ser un produto de consumo masivo, pero prepararía o terreo para as lentes de realidade aumentada N421, que aínda están nunha fase moi temperá de deseño e verían a luz, como moi pronto, en 2023.
Ao parecer a pandemia tería impactado seriamente neste desenvolvemento, xa que os traballadores involucrados no proxecto só poden traballar presencialmente certos días, o que limitou as probas e a toma de decisións sobre os procesos de desenvolvemento deste produto que moitos levan agardando dende que os móbiles e tabletas de Apple incorporaron funcións de realidade aumentada, xa que resultaba evidente que a compañía de Cupertino estaba a apostar moi forte por unha tecnoloxía que tiña pouco sentido en dispositivos que hai que suxeitar coas mans, e, por tanto, non poden empregarse de xeito prolongado xa que o seu uso fatiga.

PUBLICIDADE