Apple podería estar a traballar nun coche eléctrico sen condutor

luns, 16 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

A pasada fin de semana a axencia Reuters deu conta dunha fonte da industria do automóbil que apunta a que Google non sería a única compañía do sector tecnolóxico en traballar en coches sen condutor, senón que tamén Apple estaría a desenvolver de vehículos eléctricos de condución autónoma engadindo que “non parece que queiran moita axuda dos fabricantes de coches”.
Ao parecer, Apple estaría a obter información sobre compoñentes e métodos de produción, enfocándose en tecnoloxías de automóbiles eléctricos e conectados, á vez que estudiaría o potencial de vehículos automatizados. Deste xeito a compañía de Cupertino estaría a responder ao crecente interese cara ao mundo do automóbil que exemplifican os vehículos autónomo de Google e os cada vez máis interesantes coches eléctricos de Tesla Motors.
De feito, The Wall Street Journal chega a dar conta do suposto Project Titan no que Apple tería a máis dun cento de persoas traballando no deseño dun monovolume eléctrico, e o coñecido emprendedor Jason Calacanis chega a predicir que Apple mercará Tesla Motors por 75.000 millóns de dólares dentro de 18 meses, dando sobrados argumentos sobre o asunto.
Polo momento non hai informacións oficiais de Apple sobre os seus desenvolvementos no mundo do motor que vaian máis aló da tecnoloxía CarPlay, pero a emerxencia de tantas informacións sobre tal asunto dan a entender que este ano poderían anunciar algún desenvolvemento propio ou algún acordo con empresas importantes do sector apuntando a que a automoción pode ser o vindeiro terreo de xogo do sector tecnolóxico.

PUBLICIDADE