Apple pecha a súa páxina web para desenvolvedores tras unha intrusión

luns, 22 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Hai unhas horas Apple comunicou aos desenvolvedores de aplicacións das súas plataformas que o pasado xoves sufriron unha intrusión na súa páxina web a través da que intentaron facerse con información persoal dos desenvolvedores rexistrados e, aínda que a información persoal sensible estea protexida, dende Apple non desbotan a posibilidade de que nomes e enderezos de correo electrónico puideran verse comprometidos, polo que informan da incidencia que forzou a que a compañía pechase a páxina web de desenvolvemento dende que detectaron os problemas, e que aínda hoxe seguen sometida a labores de mantemento.
Aseguran que están a actualizar o software dos servidores e reconstruíndo a súa base de datos completa, así como outras medidas para previr que volva a repetirse a intrusión padecida. Advirten que no caso de usuarios aos que caduque a súa conta durante os momentos do peche de mantemento, prorrogarase a súa membresía e asegúrase que as súas aplicacións non desaparecerán da App Store.

PUBLICIDADE