Apple négase a crear unha porta traseira no iPhone

mércores, 17 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O pasado 2 de decembro o estado de California (EE.UU.) padeceu un terrible tiroteo no condado de San Bernardino provocado por un ataque terrorista reivindicado por Estado Islámico que rematou con 16 mortos (contando a 2 terroristas) e 24 feridos (entre os que figuran 2 oficiais de policía), o que desencadeou unha investigación federal na que a maxistrada Sheri Pym instou a Apple a axudar á administración a superar o cifrado do iPhone dun dos perpetradores do ataque, o que vén de obrigar ao máximo responsable da compañía, Tim Cook, a publicar unha carta aberta dirixida aos clientes da compañía para saír en defensa da seguridade da información persoal, e insistir en que, aínda que declaran non ter ningunha simpatía cos terroristas, non poden atender ás demandas do FBI, que suxeriría a creación dunha porta traseira no iPhone, que permitiría saltar a seguridade do sistema para poder utilizala en investigacións federais, o que sería un inmenso risco para a seguridade dos smartphones de Appla, xa que sería crear intencionadamente unha vulnerabilidade que podería ser explotada por terceiros.
Aínda que as autoridades gobernamentais aseguren que só farán un uso correcto dunha posible porta traseira, non existe xeito de garantir que non se abuse da mesma, e a súa mera existencia facilitaría que alguén atopase como aproveitala, polo que é unha característica que ameazaría a seguridade dos datos de todos os usuarios de iOS, algo ao que Apple non está disposta.
Cook asegura que as demandas da maxistrada de crear unha solución para un caso particular non sería tal, senón que unha vez creado o mecanismo podería empregarse masivamente, sendo o equivalente a crear unha chave mestra cuxa existencia non sería tolerada por ningún cliente da compañía de Cupertino.
Tamén considera moi perigoso este precedente, no que as autoridades están a apoiarse nun regulamento de 1789 para pode chegar a forzar a Apple a crear un mecanismo que permite desbloquear a seguridade dun iPhone mediante forza bruta (xa que os equipos actuais teñen potencial dabondo para probar milleiros de millóns de contrasinais para acceder a un sistema), o que consideran que poría en risco a información dos seus usuarios, polo que decidiron oporse ás demandas gobernamentais, e confían en poder manter esta postura xa que contan con que as autoridades caian na conta de que as súas esixencias son unha ameaza para os cidadáns pese a estar orixinadas por unha causa ben intencionada.

PUBLICIDADE