Apple está a traballar na corrección do comportamento da súa aplicación de mensaxería

xoves, 22 de maio do 2014 Marcus Fernández

O problema denunciado por usuarios de dispositivos de Apple que toparon coa desagradable sorpresa de que a aplicación de mensaxería de iOS secuestraba as comunicacións dirixidas a eles tras migrar a Android parece ir máis aló dunha simple incidencia, e na Rede están a aparecer moitos usuarios descontentos e, aínda que Apple non fai declaracións públicas sobre a denuncia presentada sobre este problema, recoñece estar a buscar unha solución ao problema que impide que a aplicación Mensajes (ou iMessage) envíe mensaxes a usuarios que xa non empregan un dispositivo de Apple, pese a indicarlle que a mensaxe foi recibida ao seu remitente.
Ao parecer, este tipo de problema non é unha novidade, senón que naceu en 2011, cando Apple introduciu a aplicación iMessage en iOS 5, levando a que as mensaxes de texto entre usuarios de iOS circulasen a través dos seus servidores en vez de empregar as redes de telefonía móbil, o que suporía un importante aforro para os usuarios ao eliminar os gasto en SMS e MMS, pero a asociación de números telefónicos a terminais presentou problemas todos estes anos e, vendo que a situación está a provocar incluso a incomunicación de antigos usuarios, dende Apple aseguran estar a preparar unha actualización que corrixa este problema (aínda que sen dar un prazo para a súa publicación).
Mentres Apple non corrixa este fallo dos seus sistemas a única solución parece ser desactivar a aplicación de Mensajes do iPhone e doustros dispositivos de Apple antes de mudar a outro trebello alleo a Apple, o que supón certa planificación que non sempre é posible. En todo caso sempre é posible contactar co AppleCare para ver se poden solucionar a situación.

PUBLICIDADE