Apple e Google son as marcas máis valiosas do mundo

luns, 30 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Interbrand, a consultora de marcas empresariais do Grupo Omnicom, publica hoxe o seu informe coas Mellores Marcas Globais do ano 2013, ranking que vén a elaborar dende 2000, e na que destaca o feito de que Coca-Cola perdeu a súa primeira posición, caendo ata o posto número 3, véndose superada por Apple e Google. Se a iso sumamos que os postos 4 e 5 corresponden a IBM e Microsoft, temos que o sector tecnolóxico é o máis destacado a nivel de marcas con proxección internacional.
Aínda que Coca-Cola conseguise manter o seu primeiro posto durante os 13 anos dende que se realiza este informe, a súa valoración por valor de 79.213 millóns de dólares veuse claramente superada polos 93.291 millóns de Google e os 98.316 millóns de Microsoft, e incluso temos que IBM (con 78.808 millóns) case conseguise superar á marca de refrescos. Outras marcas tecnolóxicas moi destacas sería Samsung (posto 8), Intel (9), Cisco (13) HP (15) Oracle (18), Amazon (19) ou SAP (25). Tamén hai marcas tecnolóxicas aínda emerxentes como Facebook (52), que pese a estar moi presente nas nosas vidas, aínda non ten o impacto económico suficiente; como contraste temos que BlackBerry pasou dun posto 56 hai un par de anos a desaparecer totalmente do Top 100, mentres que Nokia tiña un magnífico posto 8 en 2010 e hoxe tense que conformar cun posto 57.
As únicas marcas españolas destacadas entre as 100 máis valoradas segundo Interbrand serían Zara (36) e Banco Santander (84).

PUBLICIDADE