Apple e Google pactan unha tregua na súa guerra de patentes

luns, 19 de maio do 2014 Redacción

Nos últimos anos foron moitas as causas xudiciais en materiais de patentes que involucraron a Apple e outros fabricantes de smartphones, pero parece que esta guerra vai reducir a súa intensidade, xa que o pasado venres Apple e Google manifestaron ter chegado a un acordo para cesar os enfrontamentos xudiciais con respecto a varias patentes de telefonía móbil e transformar o conflito nunha colaboración entre as compañías.
Esta tregua nace do xuízo iniciado en 2010 por Apple contra Motorola Mobility (compañía adquirida por Google e da que logo se desprendeu dunha parte), e dado que ambas compañías están a infrinxir patentes da outra, parecía razoable que negociasen acordos fóra do ámbito xudicial, para aforrar moito tempo e cartos nuns conflitos moi pouco produtivos. Deste xeito, soterrar a machada de guerra sería unha boa nova para ambas partes e incluso para os consumidores, que non teriamos que padecer o lastre para a innovación que supoñen o tipo de patentes que tanto dan que falar nos EE.UU. (e que en Europa carecen de validez na súa meirande parte).
Polo momento, o acordo limitaríase ao conflito coas patentes de Motorola Mobility, sen afectar ás causas que Apple ten con outras compañías como Samsung, aínda que podería indicar que nos vindeiros meses Apple adoptase unha postura máis flexible con outros fabricantes de smartphones.

PUBLICIDADE