Apple deixa de vender tabletas de 32 bits

venres, 19 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Sen mediar anuncio pola súa banda, a páxina web de Apple e a súa tenda en liña deixaron de amosar un produto que resistía a descatalogarse: o iPad mini orixinal. Este produto, xunto co iPad 2, levaban tempo resistíndose a desaparecer, pese a ter un hardware bastante vello, o que supuña un auténtico lastre para plataforma iOS, xa que Apple ten que manter un tempo prudente o soporte dos produtos que ten á venda, polo que canto máis tarde en retiralos, máis tempo tardará unha futura versión de iOS en desbotalos, freando o desenvolvemento do software para permitir que funcione de xeito fluído en dispositivos que doutro xeito consideraríanse obsoletos.
Até o momento Apple mantiña en catálogo o iPad mini de 16 GB como un dispositivo de entrada económico, xa que o seu prezo era de só 239 euros, o que permitíalle competir con outros produtos da competencia en rangos de prezo semellantes, aínda que por só 50 euros máis xa podía adquirise un iPad mini 2, que xa incluída unha pantalla Retina (o salto de 163 a 326 puntos por polgada é unha mellora que compensa de sobre esa pequena diferenza de prezo), pero o que resultaba máis importante é que o iPad mini orixinal funcionaba cun procesador A5, mentres que o iPad mini 2 xa está equipado cun procesador A7 de 64 bits cun co procesador M7, ou sexa, que o iPad mini era a única tableta de 32 bits que Apple tiña á venda, polo que a súa erradicación parecía inevitable, e así estamos cada vez máis preto do momento no que Apple poida migrar definitivamente o seu software para dispositivos móbiles aos 64 bits, en vez de estar a implementar solucións que soporten tanto 64 coma 32 bits.

O iPad mini 2 ten pantalla Retina e procesador de 64 bits, polo que supón un salto moi importante con respecto ao iPad mini orixinal

PUBLICIDADE