Apple confirma a apertura das primeiras Apple Stores en España

xoves, 26 de agosto do 2010 Marcus Fernández

A Apple Store de Montpellier, a máis próxima polo momento ao territorio español

Tras moitos rumores durante os últimos anos sobre a apertura de tendas de Apple en territorio español, finalmente a compañía de Cupertino anuncia que vai abrir establecementos de seu no centro comercial La Maquinista de Barcelona e no centro comercial Xanadú de Madrid os vindeiros días 4 e 11 de setembro respectivamente, aínda que poderían non ser as únicas Apple Store españolas, pois coméntase a posibilidade de que en breve anuncien outra en Valencia.
Ata o momento en España os produtos de Apple chegaban ao público a través dunha ampla rede de Power Resellers (ou distribuidores autorizados), así como en establecementos de El Corte Inglés, Media Markt ou FNAC, entre outros, así como na propia páxina web da compañía, pero as Apple Store oficiais achegan vantaxes adicionais coma o feito de contar en cada unha cunha Genius Bar (servizo de asistencia personalizada, con técnicos formados directamente por Apple), cursos impartidos por especialistas nas propias tendas e a posibilidade de contar sempre con todo o catálogo de Apple, aínda que os distribuidores actuais tamén realizan actividades semellantes para gañar a fidelidade dos seus clientes a longo prazo.

PUBLICIDADE