Apple borra da App Store centos de aplicacións chinesas infectadas por malware

luns, 21 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Apple recoñeu onte que tivo que facer un borrado masivo de aplicacións para iOS da App Store tras detectar centos de aplicacións infectadas por un código malicioso coñecido como XcodeGhost que tería chegado a través dunha copia do software de desenvolvemento Xcode distribuída dende servidores chineses, descargada por moitos desenvolvedores ante a lentitude das descargas de servidores estadounidenses dende o territorio chinés.
Resulta bastante alarmante que os programas creados con tal ferramenta manipulada pasasen os filtros de seguridade de Apple nun primeiro momento, o que podería ter infectado a millóns de terminais móbiles, facéndoos susceptibles a roubos de información.
As repercusións deste malware son moi importantes, xa que aseguran que entre os centos de aplicacións afectadas estaría a versión 6.2.5 de WeChat, que é unha das ferramenta de mensaxería instantánea máis empregada en Asia, aínda que unha investigación preliminar sostén que non se realizaron roubos de información dos usuarios.
Apple aínda non deu información oficial sobre o número de aplicacións afectadas, pero o que parece claro é que estamos ante o meirande ataque deste tipo na App Store, que conseguiu chegar tan lonxe grazas a empregar aos propios desenvolvedores como vector de ataque.
ACTUALIZACIÓN: Moitas das aplicacións afectadas por XcodeGhost limitáronse á versión en chinés da aplicación, o que xa advertiron compañías como Rovio, que asegurou que o seu xogo Angry Birds 2 si padece o problema na súa versión na App Store chinesa, pero o resto de usuarios ao redor do mundo poden estar tranquilos coa aplicación que teñen nos seus dispositivos.

PUBLICIDADE