Apple adía a súa tecnoloxía de detección de pornografía infantil

venres, 3 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Hai un mes Apple propuxo en EE.UU. novas medidas para a protección dos menores, que ían dende filtros a nivel de mensaxería até unha polémica tecnoloxía de identificación de imaxes de pornografía infantil que aplicaríase directamente no móbil dos usuarios, anuncio que provocou un grande rexeitamento por parte de distintos colectivos que, se ben entenden necesarias as medidas contra a pornografía infantil, temen que unha tecnoloxía que viole a intimidade do usuario actuando directamente no seu móbil sexa moi perigosa, por poder abusarse da mesma para outras finalidades (como sería o control por parte de gobernos autoritarios).
En vista da preocupación social que espertou o anuncio desta tecnoloxía dende Apple decidiron anunciar que van recapacitar sobre o tema e atender aos comentarios de distintos colectivos de cara á futura implantación de medidas para loitar pola seguridade dos menores, polo que esta tecnoloxía non chegará co lanzamento de iOS 15 e macOS Monterey, senón que queda en suspenso mentres refinan as técnicas e analizan mellor as súas consecuencias.
Cómpre salientar que os xigantes de Internet levan bastante tempo con sistemas de detección de pornografía infantil nos seus servidores, de xeito que dende os servizos de correo electrónico até o almacenamento na nube que usarmos con regularidade contan con mecanismos que detectan se algunha das imaxes e vídeos están incluídos nunha base de datos de contidos de pornografía infantil (creada en base a material incautado en numerosas operacións policiais), para así poder alertar ás autoridades para iniciar investigacións que permitan frear esta lacra social. Pero que a análises das imaxes se realice no smartphone de cadaquén en vez de na nube é algo que haberá que analizar se é atinado, pois non hai consenso en se iso é respectuoso coa privacidade (tese de Apple) ou se supón todo un atentado contra dereitos fundamentais (como consideran distintas organizacións temerosas do abuso desta tecnoloxía).

PUBLICIDADE