Apple abandonará a Macworld Expo

mércores, 17 de decembro do 2008 Marcus Fernández

As feiras tecnolóxicas están en crise dende hai varios anos, e a conxuntura económica actual está a agravar a situación, trasladándose agora tamén ao mundo dos eventos maqueiros, que aínda que reciben moita atención mediática, non parecen compensar o investimento que teñen que realizar as compañías nos mesmos, e a propia Apple xa anunciou que este xaneiro sería a súa derradeira participación na Macworld Expo de San Francisco, sorprendendo tamén que a conferencia inaugural correrá da man de Philip Schiller, vicepresidente senior de Comercialización Mundial de Produto de Apple, de xeito que Steve Jobs non faría acto público de presenza, o que disparou os rumores sobre a súa saúde, e provocou unha caída na cotización bolsista da compañía.
Deixando o ruxerruxe de lado hai que admitir que é certo que Steve Jobs leva tempo procurando pasar o relevo na dirección da súa compañía (como xa fixo hai uns meses Bill Gates con Microsoft) e Apple tamén leva anos planificando o abandono das feiras tradicionais (e xa reduciu a súa presenza nas mesmas de xeito considerable), xa que actualmente está a chegar ao público por moitas outras canles, como a Internet, as actualizacións das súa tenda en liña ou as presentacións de produto organizadas pola mesma compañía.
Dende o punto de vista crítico tamén se asegura que Apple reducirá a súa presenza na Macworld Expo do mes que vén polo mero feito de que non ten nada rechamante que presentar, o que podería ser certo, pese a que nos blogs tecnolóxicos non parecen de circulares rumores que apuntan ao lanzamento dun ultraportátil de Apple (que se vendería a un prezo duns 599 dólares, polo que non entraría no rango do baixo custo) ou dun iPhone nano, aínda que non podemos esquecer que estes dous rumores son xa unha constante antes das presentacións da compañía durante o último ano e medio.

¿Un evento Mac sen Apple?

Parodia da ausencia de Jobs na Macworld Expo, o que podería matar o evento

O futuro da Macworld Expo é toda unha incógnita, pois se en 2010 non contarán coa presenza de Apple, ¿non se retirarán o resto de empresas e mesmo o público? O director do evento, Paul Kent, asegura que aínda que non gustaron da decisión de Apple, este ano van ter un evento moi forte, con preto de 500 empresas amosando os seus produtos e unhas 10.000 persoas que acudirán á feira tecnolóxica que xa ten 25 anos de vida.
Pese ao optimismo de Kent, dá a impresión de que Apple matou a Macworld, pois se non hai grandes lanzamentos nin conferencias rechamantes (e admitamos que Steve Jobs leva moitos anos sendo a grande estrela neste tipo de encontros) o evento podería estar predestinado á súa desaparición en 2010 (ou languidecer durante varios anos como aconteceu co SIMO madrileño… para rematar caendo en desgraza).

PUBLICIDADE