Apple TV+ sube de prezo

mércores, 25 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Hai un ano Apple subiu os prezos de varios dos seus servizos de subscrición, sendo o máis notable o caso de Apple TV+, que pese a ser o servizo de vídeo baixo demanda co menor catálogo do mercado, ousou a pasar de custar 4,99 euros/mes a cobrarse a 6,99 euros/mes. Agora semella que a compañía da mazá quere converter estas subas de prezo unha tradición anual, como o lanzamento de novos iPhone, e, sen mediar anuncio de ningún tipo, suben os prezos de varias subscricións de xeito inmediato, como podemos comprobar con Apple TV+, servizo que pasa a custar 9,99 euros/mes.
Apple TV+ a 9,99 euros/mes parece unha oferta fóra do mercado, xa que o servizo de Apple pasaría a ter o prezo mensual de HBO Max (que moitos usuarios reciben sen custo adicional a través do seu operador de telecomunicacións ou teñen contratado cun 50% de desconto), custaría o dobre que Prime Video, e bastante máis que SkyShowtime (que custa 5,99 euros/mes, pero que tamén ten moitos subscritores cun 50% de desconto). Dá a impresión de que Apple simplemente está a subir prezos no seu servizo de streaming para cobrar aos usuarios con folgura económica as tarifas que non cobran ao resto de usuarios, xa que a plataforma non deixa de repartir vales por 3 meses de subscrición ao mercar dispositivos ou directamente a través de códigos que poden lanzan a través de tendas ou cando estrean algún documental.
Dentro destas subas de prezo Apple Arcade tamén pasa de 4,99 a 6,99 euros/mes e Apple One de 16,95 a 19,95 euros/mes no seu plan individual. O servizo que mantería prezo sería Apple Music, que custa 10,99 euros/mes, que tamén é o prezo actual de Spotify, polo que enténdese que Apple mantén prezo simplemente para evitar unha fuxida masiva de usuarios.

PUBLICIDADE