Apple Music mellorará a calidade de reprodución musical

martes, 18 de maio do 2021 Marcus Fernández

O mercado da música en streaming está bastante consolidado ao redor dun número reducido de actores, e buscando a súa dinamización Apple anunciou que o seu servizo Apple Music vai introducir interesantes melloras o mes que vén, como é o audio espacial compatible con Dolby Atmos (só dispoñible para un reducido número de cancións) e a posibilidade de gozar do audio sen perda, prestacións que chegan sen afectar ao prezo das subscricións.
A incorporación do audio espacial en Apple Music é unha funcionalidade que chega de xeito natural, xa que os auriculares AirPods e Beats con chip H1 ou W1 e os altofalantes dos últimos dispositivos de Apple son compatibles con Dolby Atmos. Dado que esta prestación precisa da remasterización da música, a súa dispoñibilidade será moi limitada, e para facilitar o descubrimento da música actualizada publicarán unha selección de listaxes de reprodución neste formato. Os álbums con Dolby Atmos amosarán unha insignia para identificar que conta con tal funcionalidade, aínda que cómpre salientar que existen discrepancias sobre a idoneidade deste formato para escoitar música, xa que o son envolvente existe dende hai décadas, e non conta coa aceptación dos audiófilos, que sosteñen que para escoitar música o estéreo é o sistema ideal.
Máis polémica está a suscitar o feito de que as máis de 75 millóns de cancións do catálogo de Apple Music vaian estar dispoñibles en formato ALAC, ou sexa, nun formato sonoro sen perda, calidade que sería como mínimo a equivalente a un CD, o que dispara o consumo de datos, de aí que haxa que seleccionar expresamente o uso deste formato xa que pode resultar especialmente problemático en mobilidade (lembremos que 80 minutos de música en CD ocupan uns 700 MB).
O problema existente na música sen perda é que precisa dunha largura de banda que non está dispoñible a través de Bluetooth, de xeito que todos os auriculares sen fíos de Apple (incluíndo os AirPod Max) non poderían tirar proveito do formato ALAC e, curiosamente, o tipo de produto que si podería aproveitar esta calidade por funcionar por Wi-Fi, o HomePod, non recibirá continuidade por parte de Apple. O feito de que Apple tamén eliminase o mini-jack dos seus dispositivos móbiles tamén supón un problema, xa que os adaptadores de Lightning a mini-jack non servirían para reproducir música sen perda, xa que sería preciso un DAC adicional, de xeito que os principais beneficiarios desta calidade sonora serían os usuarios de equipos informáticos, polo que dá a impresión de que a música sen perda é unha funcionalidade que está a empregarse basicamente como un elemento de marketing.

PUBLICIDADE