Appentra lanza a versión 1.4 do seu Parallelware Trainer

luns, 20 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Appentra, spin-off da Universidade da Coruña centrada en software avanzado para facilitar a programación en paralelo, vén de lanzar a versión 1.4 da súa ferramenta Parallelware Trainer, que pon ao noso alcance as vantaxes da computación de altas prestacións (HPC). A nova versión, en palabras da empresa con sede no CITIC (Campus de Elviña), “mellora enormemente o despregamento e a experiencia do usuario en supercomputadores ao permitir a configuración a través de variábeis de ambiente”.
Ademais, a actualización reforza o obxectivo primixenio do devandito software: permitir á máxima cantidade de programadores facer o mellor uso do hardware de computación paralelo, dende os varios núcleos de computadora portátil até os supercomputadores máis rápidos.
En termos máis concretos, a nova versión introduce (entre outras) as seguintes melloras: amplía a marxe de análise dos traballos a realizar (coa nova funcionalidade Reanalyze, que permite forzar de maneira manual unha nova supervisión do ficheiro para buscar oportunidades, eivas ou recomendacións), introduce melloras importantes na xestión de ficheiros e versións (os ficheiros e cartafoles poden ser creados, renomeados, copiados e suprimidos do menú contextual do explorador de procesos) e potencia as correccións de erros e outros pequenos cambios, como a desambiguación do nome da pestana do ficheiro.

PUBLICIDADE