Appentra compartirá as súas tecnoloxías cos desenvolvedores nunha cita en Santiago

venres, 21 de abril do 2017 Redacción

Appentra, a empresa galega de alicerce tecnolóxico, é unha das entidades co-organizadoras do que será un dos eventos TIC máis interesantes da tempada: o GPU Hackathon que se celebra en Santiago entre o 29 de maio e o 1 de xuño, da man da dita firma coruñesa e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Como lembraremos, Appentra é unha spin-off da Universidade da Coruña con sede no Centro de Investigación TIC (CITIC). Entre os seus obxectivos figura o de compartir coa nosa comunidade de desenvolvedores os seus achados tecnolóxicos. Esta arela de apoiar aos profesionais, compartida polo CESGA, é a base do evento-quedada GPU Hackathon.
Será unha xuntanza de balde, aínda que con aforamento limitado. O obxectivo concreto e literal, informaron recentemente as entidades organizadoras, “é axudar aos desenvolvedores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación usando o hardware, o software e o equipo de mentores proporcionados polo CESGA e Appentra”. Ao final do evento, os participantes disporán dunha nova versión acelerada en GPU ou dun roteiro (folla de ruta) para o devandito obxectivo.
As sesións, en palabras do CESGA e Appentra, van dirixidas a calquera que teña unha aplicación de simulación numérica escrita en C/C++ ou Fortran e que desexe acelerar a súa execución. A intención dos organizadores é contar cun equipo de até dúas persoas para cada aplicación. “O noso obxectivo”, explican a maiores, “é que os desenvolvedores tiren o máximo proveito do hackathon traballando no seu código o 95% do tempo, e compartindo experiencia cos mentores expertos en optimización, paralelización e execución de programas de simulación”.
A remate das sesións, buscarase establecer unha relación de colaboración cos equipos para “crear casos de éxito que poidan ser publicados durante os meses seguintes ao hackathon”. Estes exemplos prácticos obterán “ampla difusión nos medios e nas canles especializadas”.
Appentra e as súas ferramentas software avanzadas
Appentra é unha empresa de base tecnolóxica spin-off da Universidade de A Coruña fundada en 2012. A súa misión é “fornecer as mellores ferramentas de software de calidade que permitan un amplo uso de técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todas as áreas de aplicación da enxeñaría, a ciencia e a industria”.
A computación de alto rendemento (HPC polas súas siglas en inglés) considérase como unha tecnoloxía clave para o futuro da industria, a ciencia e a sociedade. Segundo ten informado a firma coruñesa, as empresas están a empregar estes recursos de computación para mellorar o servizo ao cliente mediante a análise de volumes de datos cada vez máis grandes; a minería de datos para mellorar a seguridade da rede da empresa ou a simulación de produtos para optimizar a calidade. Un dos cometidos principais de Appentra é definir un conxunto de produtos para facer fronte a estes retos HPC de rendemento e produtividade. “Son unha nova xeración de ferramentas de software para axudar a xestionar a complexidade da computación de alto rendemento e liberar todo o seu potencial”, engade Appentra.

PUBLICIDADE