AppCircus informa que xa hai máis de 73.000 aplicacións dispoñíbeis para a volta ao colexio

luns, 9 de setembro do 2013 Redacción

Tralos xogos propiamente ditos, logo veñen en importancia numérica as aplicacións educativas. Este dato sobre o segundo posto destas aplicacións móbiles no ranking de tendas dixitais, achegado por AppCircus, confirma o desenvolvemento de apps de tipo formativo, de aplicación para o eido docente, como unha das grandes contradicións do noso tempo. Así, por unha banda temos os continuos recortes das administracións que afectan directamente ao acceso que os estudantes teñen aos dispositivos electrónicos, e pola outra temos unha industria de desenvolvemento de aplicacións en continuo espallamento, case pletórica. En cifras, infórmase dende AppCircus, hai un total de 73.186 aplicacións móbiles educativas dispoñíbeis nas distintas tendas de aplicacións.
Segundo engade a compañía, a explicación do dito proceso de medre débese ao feito de que dende os fogares compénsase en boa medida o déficit tecnolóxico de moitos centros educativos. Así, engádese, tendo en conta que hai un 64% de domicilios con conexión á Rede, multiplícanse as posibilidades de complementar a vertente educativa dos rapaces con tecnoloxía móbil extra-escolar. Ademais, co engadido de que estas aplicacións adoitan ser moito máis económicas cós gastos realizados en libros escolares, por moito que unha boa parte das apps educativas sexan de pago (malia que soe haber lanzamentos en aberto ou versións básicas de balde). O abano de posibilidades é ben amplo, ao igual que as temáticas e funcionalidades elixidas: hai ferramentas pedagóxicas, xogos interactivos de tipo didáctico, recursos para favorecer o rendemento escolar, programas para xestionar o traballo, etc. Tamén hai ferramentas para a creación de contidos ou para compartir datos con outros estudantes ou profesores.

PUBLICIDADE