Apoio europeo de 2,3 millóns para un novo proxecto TIC de Gradiant

venres, 5 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

O centro galego Gradiant, emprazado no Campus de Vigo e dirixido a achegar innovación en materia ciencia-tecnoloxía e canles do coñecemento, vén de recibir estes días un importante pulo orzamentario para o desenvolvemento das súas iniciativas, en boa medida favorecedoras dunha meirande sintonía investigación-empresa. O apoio en cuestión vén da man da Unión Europea e materialízase en 2,3 millóns de euros. Este financiamento internacional para novas iniciativas de I+D únese a outros apoios previos, como por exemplo a consecución do seu primeiro proxecto europeo, Signed, que se lanzou a primeiros de ano. No caso que nos ocupa agora, Gradiant vai poder asegurar, en base ao devandito orzamento, a realización do seu proxecto Liftgate, que ten un presuposto de 2,6 millóns de euros, dos que a Comisión Europea achega 2,3.
O capital provén do programa REGPOT (Rexións con Potencial Investigador), no que concorren proxectos de alta competitividade. Por certo que segundo anuncia o propio centro galego, esta boa nova para a nosa investigación non será nin moito menos a derradeira; así nolo conta Fernando Pérez, director xeral de Gradiant: “Temos o compromiso de traer a maior cantidade de fondos europeos para non espremer os nacionais ou os autonómicos; en 2010 reducimos a un 30% a dependencia dos fondos da Consellería de Economía e acadamos máis de un millón de euros en facturación de I+D a empresas”, sinala. Volvendo ao proxecto apoiado pola Comisión Europea, dicir que a xuízo de Gradiant representa unha gran oportunidade para a nosa terra, sobre todo no que atinxe a situármonos na vangarda europea do ámbito tecnolóxico-dixital. Para o centro galego, “suporá un enorme empurrón para as capacidades de investigación e innovación do centro, o que se traducirá nun beneficio directo para empresas clientes e colaboradoras, sobre todo galegas, en eidos como a seguridade multimedia, o procesado e a protección do coñecemento ou as comunicacións vía satélite”.
En base a estes apoios de financiamento e xa nun plano máis específico, a viabilidade do proxecto permitiralle a Gradiant ampliar equipo humano con investigadores de alta cualificación, mellorar infraestruturas e ampliar a axenda de intercambio de persoal con centros de I+D público e privados do “máis alto prestixio a nivel europeo”.

PUBLICIDADE