Apoio do Consello de Goberno da UVigo aos procesos que farían posíbel o Grao en Enxeñaría Aeroespacial

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

Semella que o camiño para dar forma ao Grao en Enxeñaría Aeroespacial no Campus de Ourense é xa unha realidade, ou está case a piques de selo. Así nolo deron a entender dende a Universidade de Vigo tralo Consello de Goberno celebrado o venres pasado, cuxos membros amosaron o seu “amplo apoio” á devandita titulación de dúas maneiras concretas: votando primeiro a favor da súa declaración de interese (coa abstención dun representante do alumnado), e segundo apoiando o procedemento de elaboración das memorias para a solicitude de verificación da titulación.
A memoria completa, fíxose saber, será elaborada por unha comisión de estudos nomeada por unha xunta de titulación conformada polas direccións das escolas de enxeñaría dos campus de Vigo e Ourense, así como da Facultade de Ciencias, directores e directoras de departamentos do ámbito tecnolóxico e responsábeis de seis dos departamentos do ámbito científico implicados, así como unha ducia de representantes do estudantado e cinco do persoal de administración e servizos.
O respaldo á iniciativa dos membros do Consello estivo precedida dunha exposición da mesma por parte do reitor, na que Salustiano Mato rememorou os antecedentes que conduciron á presentación desta proposta que “singular no sistema universitario galego” e que representa, segundo o reitor, “unha oportunidade estratéxica para a Universidade de Vigo e para Galicia”. Tras lembrar as cifras de crecemento de emprego que está rexistrar este sector “cunha forte aposta pola investigación básica”, Mato explicou que a proposta presentada á Xunta o pasado mes de decembro recibiu o visto e prace do propio presidente do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, intre no que a iniciativa comezou a ser estudada no Campus de Ourense, cuxo consello aprobou o inicio dos trámites para a súa implantación a mediados deste mes.
O director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pou, dixo no Consello de Goberno que “na Escola consideramos que esta é unha oportunidade para toda a Universidade, pero debe facerse ben desde o principio para evitar erros”. Pou, que reclamou apoio económico, por que “este será un grao moi caro, que precisa de especialistas cos que a institución non conta neste intre”, incidiu en que o obxectivo principal “son os alumnos, e non as cidades, os profesores ou os departamentos”. Pola súa banda o director do Departamento de Física Aplicada, José Luis Legido, tamén deixou constancia na sesión do apoio do seu departamento á posta en marcha da titulación e á creación dun centro propio, ao tempo que realizou unha oferta de colaboración para participar neste proceso.

PUBLICIDADE