Aparecen novos competidores para a popular YouTube

xoves, 17 de xullo do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo elaborado ao longo de 2007 sobre a conduta dos internautas de España, Reino Unido, Suecia, Brasil e Francia, (que recolle Europa Press), “os españois están á cabeza de Europa no consumo de vídeos por Internet” xa que nove de cada dez internautas aseguran ter visto, polo menos nunha ocasión, algún contido audiovisual a través de páxinas tan coñecidas como a popular YouTube.
Dende hoxe, aínda que este último siga a ser o portal de vídeos por excelencia máis visitado por tódolos internautas para a descarga de contidos audiovisuais, é posible que as estatísticas varíen un pouco a prol das novas webs que compiten coa todopoderosa YouTube, xa que se vén de crear unha páxina só de películas e programas de televisión (os produtos que contan co maior éxito de descargas entre os internautas) que se coñece como Amazon Video on Demand e que polo de agora inclúe en torno aos 40.000 clips de vídeo.
Segundo declarou o vicepresidente de medios dixitais de Amazon ao xornal The New York Times, “o obxectivo é crear unha experiencia onde os usuarios non poderán descargar os contidos, senón velos directamente no sitio cun só click”, algo que, asegura, se fai por primeira vez na Rede.
Por outra banda, a americana AOL, tamén ven de lanzar hoxe unha páxina para ver vídeos en liña pero de contidos exclusivamente documentais. Chámase SnagFilms e xa ofrece unha cifra inicial de 200 vídeos.
AOL vaille permitir a os seus usuario acceder ao sitio dende as páxinas sociais como Facebook (ao igual que xa fai YouTube) a fin de “tentar desbancar a competidores como MSN de Microsoft”, segundo se recolle nun artigo publicado por Reuters.

PUBLICIDADE