Aparecen múltiples rumores sobre un futuro móbil de Microsoft

luns, 8 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A unha semana da celebración do Mobile World Congress en Barcelona dispáranse os rumores sobre o sistema operativo Windows Mobile 7 e un posible móbil promovido por Microsoft, que reaccionaría deste xeito ao iPhone de Apple e o Nexus One de Google, dando un salto evolutivo nos seus terminais móbil grazas en boa medida por incorporar as bondades da interface de usuario do reprodutor multimedia Zune ao seu sistema operativo, de xeito que deixaría de parecer un Windows de peto, para estar ben adaptado a un terminal de reducido tamaño.
Pero que o futuro móbil, que podería responder ao nome de Windows Phone 7, vaia ter un manexo semellante a un Zune HD non debería sorprender (agardábase xa tal medida co Windows Mobile 6.5, aínda que finalmente non foi así), pero o que igual pilla a moitos co pé cambiado é o rumor de que o novo dispositivo podería non ser multi-tarefa e non soportar Flash inicialmente, ou sexa, que compartiría certas carencias co iPhone, aínda que o caso do Flash debería ser eventual (pois existe un bo entendemento entre Microsoft e Adobe a este respecto).
O sistema operativo do Windows Phone 7 tamén tería certo nivel de integración coa Xbox 360, e estaría aberto á tenda de contidos da mesma, o que podería ser un bo comezo para esta plataforma, que non comezaría dende cero.
Pero por outra banda tamén chegaron cadeas de rumores con toda unha serie de novas características coma serían o soporte de tecnoloxía Silverlight fóra do navegador web, a posibilidade de utilizar o XNA GameStudio 3.1 para facer xogos para o novo móbil, soportaría tecnoloxía push e incluso chega a falarse de que o terminal non estaría fabricado directamente por Microsoft, pero a compañía de Redmond tería incluído seriamente no seu deseño (o que lembra ao Nexus One).

PUBLICIDADE