Anxo Lorenzo pon en valor o audiovisual galego no seu proceso de adaptación ao contorno dixital
martes, 28 de febreiro do 2012
A Facultade de Ciencias da Comunicación da
Universidade de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a inauguración da
xornada A obra audiovisual. Propiedade
intelectual e contexto dixital, evento que aproveitou o secretario xeral de
Cultura, Anxo Lorenzo, para reflexionar
sobre o papel das tecnoloxías para ampliar o abano de posibilidades dos
produtores e creadores do ámbito audiovisual. O secretario xeral de Cultura
estivo acompañado no acto pola presidenta de AGAPI, Dolores Ben, e polo
secretario académico da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Fernando
Redondo.
Lorenzo precisou que “as tecnoloxías
abren novas portas para acceder a públicos diversificados que, ao mesmo tempo,
presentan novas formas de consumo ás que as empresas do sector deben saber
atender e albiscar nos seus movementos”.
Ao fío disto, afirmou que “calquera sector cultural debe entender o contorno tecnolóxico como un
reto e unha oportunidade para impulsar novos formatos, para favorecer novas
formas de consumo e para chegar a novos públicos”.
O secretario xeral de Cultura asegurou que “a
dimensión dixital da creatividade obriga a unha reflexión e a unha capacidade
de responder aos novos contornos de traballo e de difusión”. Neste sentido
felicitou a AGAPI, entidade que congrega unha boa boa representación das
empresas audiovisuais, “por abordar este
debate da propiedade intelectual no audiovisual, as posibilidades realistas de
negocio e as ideas para construír unha cultura responsable e sostible do
consumo a través de internet”. Finalmente, concluíu apuntando a necesidade
de acadar un equilibrio entre contorno dixital e propiedade intelectual.
