Anúncianse as novidades que chegarán con Android 4.2

luns, 29 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Aparte do anuncio do Nexus 4 e Nexus 10, así como a actualización de modelos do Nexus 7, hoxe veu a luz oficialmente o novo sabor de Jelly Bean, Android 4.2, nova iteración do sistema operativo móbil de Google que incorpora novidades entre as que destaca especialmente a Photo Sphere, funcionalidade da aplicación de cámara de Android que permite crear fotografías inmersivas (en 360 graos) de xeito doado dende o móbil, combinando numerosas imaxes que captemos ao noso redor, que se almacenan en formato JPEG xunto con información adicional que facilita compartir estas imaxes por correo electrónico e amosalas a través de Google+.
Outras novidades é o Gesture Typing, que permite deslizar o dedo polo teclado virtual para escribir (permitindo unha escritura moi áxil), soporte para pantalla Miracast (para poder empregar un televisor de alta definición como monitor adicional sen empregar cables), melloras en Google Now (que inclúe agora novas tarxetas, información de voos, reserva de restaurantes, confirmación de hoteis, detalles de paquetes enviados por correo, horarios de cine...), notificacións ampliables e interactivas (permite responder ás mesmas directamente dende o centro de notificacións) e o desexado soporte de múltiples usuarios, que nun principio só estará dispoñible para tablets (ao parecer, porque para móbiles existe unha patente de Nokia que o impide).


A Photo Sphere explicada en vídeo

PUBLICIDADE