Anuncian os gañadores dos Premios iRedes 2013

mércores, 20 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Entre os días 7 e 8 de marzo desenvolverase no Palacio de Congresos Fórum Evolución Burgos o III Congreso Iberoamericano de Redes Sociais, iRedes, nos que se fai entrega duns premios que buscan premiar a orixinalidade, eficacia e repercusión en redes sociais en 3 categorías (individual, institucional e Letras Enredadas) dos que vén de facerse pública a relación de gañadores. Estes premios están dotados con 1.000 euros e unha reprodución do bifaz Excalibur.
O Premio iRedes Categoría Individual recae no especialista en medio dixitais e redes sociais, Mario Tascón, “pola súa traxectoria periodística e dixital e por ensinarnos a escribir e a ver en Twitter e na Internet”. Actualmente é socio director de Prodigioso Volcán, S.L., aínda que durante os últimos anos foi máis coñecido polo seu paso pola área dixital do grupo Prisa e por ser un dos grandes impulsores de Elmundo.es.
Change.org, unha plataforma que gañou moita relevancia nos últimos meses a través das súas numerosas campañas reivindicativas, será recoñecida co Premio iRedes Categoría Institucional “por rachar a barreira do dixital e ser recoñecida na rúa como un instrumento útil para xerar cambios”.
O Premio iRedes Letras Enredadas irá a parar ao xornalista Ander Izagirre “polo xornalismo comprometido de calidade, polo sentido común, polo bo desenvolvemento concedido ás obsesións persoais, pola boa escritura”.

PUBLICIDADE