Anunciado o proxecto de robótica libre gañador da achega de material e asesoramento de GALPon
venres, 8 de novembro do 2013
Finalmente xa temos proxecto recoñecido na
convocatoria
lanzada recentemente polo colectivo GALPon co obxectivo de
mobilizar o enxeño da nosa mocidade en materia de robótica e
automática empregando software e hardware libre. Pois ben, a
asociación vén de dar a coñecer a iniciativa gañadora do certame,
unha proposta que se verá beneficiada coa cesión do hardware libre
preciso para o proxecto (neste caso en concreto 807,59 euros sen
incluír o IVE) e con asesoramento técnico para un axeitado
desenvolvemento na escolla do software a empregar e das licenzas a
aplicar, na programación dos scripts, aplicativos ou
programas necesarios.
A iniciativa en cuestión (a única que superou
a fase administrativa) vén da man de Alberte Xosé (Tucho)
Méndez López, en representación do CPI Alcalde Xosé Pichel de
Traba (Santa María) en Coristanco.
Segundo informa
GALPon e reflicte Mancomún, o
proxecto presentado consta á súa vez de dous pequenos proxectos, a
creación dunha estación meteorolóxica de centro
empregando hardware libre e a
creación dun robot móbil
empregando Arduino e impresoras 3D. “En ámbolos
dous casos documentarase
todo o proceso de xeito que poida ser reproducido noutros centros”,
engádese. O
obxectivo é que estes dous proxectos permitan ao alumnado coñecer a
forma de traballar con hardware e software libre de forma que vaian
acadando os recursos precisos para entender as posibilidades que
ofrecen e poder desde aí deseñar e levar a cabo os seus propios
proxectos.