Anulan a Directiva comunitaria sobre a conservación de datos de telecomunicacións

martes, 8 de abril do 2014 Marcus Fernández

Tras os atentados do 11 de maio de 2004 en Madrid e do 7 de xullo de 2005 en Londres, aprobouse unha Directiva comunitaria que obrigaba aos operadores de telecomunicacións a conservar os datos dos usuarios durante 2 anos, pero esta norma vén de ser declarada inválida polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, por considerar que “inmiscúese de xeito especialmente grava nos dereitos fundamentais ao respecto da vida privada e á protección de datos de carácter persoal” e aínda que consideren razoable que as autoridades busquen empregar os datos das telecomunicacións para loitar contra a delincuencia grave, consideran que “ao adoptar a Directiva sobre a conservación de datos o lexislador da Unión Europea superou os límites que esixe o respecto do principio de proporcionalidade”.
O Tribunal considera que a Directiva debe establecer algún tipo de diferenciación, limitación ou excepción en función do obxectivo da loita contra os delitos graves, e non pode abarcar de xeito xeral a todas as persoas, medios de comunicación electrónica e datos relativos ao tráfico. Tamén sería preciso que a Directiva recollese criterios para que o acceso aos datos estea limitado a autoridades competentes para previr, detectar ou reprimir penalmente delitos poidan xustificar tal inxerencia pola súa gravidade.
A sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea tamén considera que o período de conservación de datos é pouco preciso, pois indica un prazo de entre 6 e 24 meses, sen distinguir entre as categorías de datos en función das persoas afectadas ou da posible utilidade dos datos con respecto ao obxectivo perseguido.
Tamén matizan que é preciso incorporar ao texto lexislativo garantías que aseguren unha protección eficaz dos datos contra os riscos de abuso e botan en falta que non exista a obriga de que os datos se conserven dentro do territorio comunitario.

PUBLICIDADE