Antena 3 estrea canle de televisión para móbiles 3G

mércores, 17 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O director xeral de Antena 3 Multimedia anunciando a nova canle móbil

Antena 3, canle televisiva que xa fora pioneira en España por apostar por YouTube coma medio para difundir algúns dos seus vídeos, innova agora ao converterse na primeira televisión xeralista de España que se poderá seguir en directo a través do móbil grazas ao servizo Vodafone live!.
Nunha primeira fase os usuarios do servizo 3G de Vodafone poderán acceder a máis do 70% da programación da canle.
Adicionalmente continúan a operar as canles Series Antena 3, que ofrece os capítulos de series coma El Síndrome de Ulises, Física o Química ou Los hombres de Paco, así coma Antena 3 Noticias 24 Horas, que permite ao usuario estar informado permanentemente.
As canles de Antena 3 serán de balde para os clientes de Vodafone ata o 31 de outubro, data trala que será preciso o pagamento de 4 euros/mes para clientes de contrato ou 1,5 euros/semana para os clientes de prepago.
Durante a presentación desta nova canle, Giorgio Sbampato, director xeral de Antena 3 Multimedia, asegurou que o acordo da súa canle con Vodafone supón un avance cara á chegada da TDT móbil.

PUBLICIDADE