Anova presenta páxina web e avoga pola participación cidadá

mércores, 10 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Coalición Alternativa Galega de Esquerda (Anova), agrupación política que está a concorrer na campaña preelectoral autonómica, presentou os días pasados a súa páxina web, unha aposta tecnolóxica, sinalaron os seus responsábeis, a prol da “participación cidadá”. A web, que foi debullada polo miúdo por Antón Sánchez e César Santiso, cargos públicos na comarca da Coruña, concibiuse como un espazo específico dedicado á sociedade galega, co fin de que cada internauta poida interactuar coa coalición a través de dúas opcións.
Estas dúas canles son: unha ferramenta para a achega de preguntas e dúbidas en liña (cuxa pronta contestación garante Anova) e un sistema de votación electrónica para que a cidadanía poida elixir, entre os bloques temáticos, “as propostas que considera que deben desenvolverse coa maior rapidez logo da chegada ao Parlamento Galego”.
César Santiso, concelleiro da Coruña e responsable nacional de comunicación de EU, indicou que “en coherencia co noso programa, a nosa web inclúe ferramentas de participación cidadá e transparencia, como non podía ser doutra maneira e a diferenza doutras forzas políticas facemos o que dicimos, así propoñemos que os galegos e galegas poidan democraticamente revocar as Leis que consideren inxustas antes de iniciar o seu trámite parlamentar mediante ferramentas de voto electrónico como sucede noutra democracias máis avanzadas como Finlandia ou Islandia ou a través de referendo popular”.

PUBLICIDADE