Ángela Ruiz Robles, a precursora do libro electrónico, homenaxeada polo CEIPG

martes, 3 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Co gallo das conmemoracións e mobilizacións do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, o Colexio Profesional de Enxeñaría de Informática de Galicia (CPEIG) organizou este martes 3 de marzo un acto de reivindicación do importante papel xogado polas mulleres no desenvolvemento da informática tal e como hoxe temos a sorte de coñecela. En concreto o Colexio homenaxeou á inventora da Enciclopedia Mecánica e precursora do libro electrónico, Ángela Ruiz Robles.
A cita foi no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) de Santiago e, entre outras cousas, serviu para reivindicar o exemplo de dona Angelita como referente feminino para as novas xeracións. Participaron as netas da profesora, inventora e enxeñeira, ás que se lles entregou unha figura de Sargadelos (unha man, simbolizando a fe na colaboración, o progreso tecnolóxico e o coñecemento).
O acto contou coa presenza de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Julia González directora da ETSE Universidade de Santiago (USC), David Losada, subdirector da ETSE, e María Luisa, María del Carmen e María Elvira Souto Grandal, netas da Ángela Ruiz.
No transcurso da homenaxe, Fernando Suárez agradeceu o apoio da familia da inventora da Enciclopedia Mecánica e falou de como descubriu as contribucións históricas de Ángela Ruiz, unha persoa que foi quen de romper estereotipos e prexuízos nun tempo en que era bastante máis complicado facelo ca hoxe e que representa un exemplo de entrega polo ensino e a investigación: “Ela pensaba nos nenos e en mesturar formación e xogo, ensino e diversión creativa”. O presidente do CPEIG tamén aproveitou para facer un chamamento a prol da igualdade nas aulas tecnolóxicas, poñendo como exemplo datos preocupantes contra os que cómpre xuntar forzas e loitar (salientou o feito de que na propia ETSE da USC a presenza feminina só sexa do 15%).
Durante o acto, as netas de Ángela Ruiz agradeceron o tributo feito polas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática da nosa terra: “Á nosa avoa teríalle encantando estar aquí hoxe, neste salón de actos e nesa escola, onde seguro que se lle tería ocorrido algún invento ou descubrimento tecnolóxico para tentar facer máis doada a vida da xente”. As netas destacaron o feito de que toda a familia seguise o camiño do coñecemento aberto pola avoa, unha persoa para a cal “adicarse ao ensino era sobre todo un acto de amor ao próximo”, e “á que lle tería agradado moito, na actualidade, ver ata que punto a ensinanza foi avanzando grazas ao empuxe das novas tecnoloxías”. Ángela Ruiz, engadiron, “foi unha persoa que fixo da súa profesión un ideal”.
No acto tamén interviron Julia González, directora da ETSE da USC, e David Losada, subdirector da ETSE, quen salientaron o feito de que a homenaxeada “dese exemplo de independencia, talento feminino e liberdade creativa nunha época, a da posguerra en Galicia e en España, en que as mulleres tiñan tantos elementos en contra para desenvolver as súas capacidades”.

Adiantada ao seu tempo

A profesora e inventora Ángela Ruiz foi a responsábel directa do aparello tecnolóxico considerado como “o libro electrónico dos anos cincuenta”, un prototipo que puidemos ver in situ no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña e que malia non ter sido finalmente comercializado no seu tempo (sobre todo por mor dos escasos apoios orzamentarios que acadou a desenvolvedora) mostrou un importante potencial para o ensino interactivo e para ceibar aos nenos de ter que carrexar ás escolas inxentes cantidades de libros (o seu libro electrónico permitía ler diferentes volumes inseridos en carretes).
O dispositivo foi orixinalmente amosado ao mundo en 1949.
Ángela Ruiz naceu o 28 de marzo de hai 121 anos. Malia ter a súa orixe en León, pasou na nosa terra a maior parte da súa vida, máis polo miúdo en Ferrol. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol. Foi nesta cidade onde dona Angelita exerceu como mestra e tamén como desenvolvedora pioneira de material tecnolóxico ao servizo do coñecemento.

PUBLICIDADE