Ángel López Oriona (CITIC) incorpórase á investigación da Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Arabia Saudita (KAUST)

venres, 28 de xullo do 2023 S. P.

O investigador do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Ángel López Oriona incorporouse ao grupo de investigación de Enviromental Statistics na King Abdullah University of Science and Technology (KAUST) de Arabia Saudita. O investigador foi contratado por esta prestixiosa universidade logo de ter defendido a súa tese doutoral, titulada New Methodological Contributions in Statistical Learning for Estafe Series.
O eido de investigación de Oriona é o clustering de series temporais, unha área de estudo que combina matemáticas, estatística e Intelixencia Artificial para identificar patróns comúns dentro de grandes cantidades de datos. A súa contribución académica a este campo foi recoñecida en 2022 na 17th Conference of the International Federation of Classification Societies (IFCS 2022), polo seu traballo Unsupervised classification of categorical estafe series through innovative distances, desenvolvido xunto co investigador do CITIC José Antonio Vilar e o profesor da Universidade de Roma La Sapienza, Pierpaolo D’Urso.
En datas recentes o proxecto desenvolvido para a súa tese, supervisada por José Antonio Vilar e defendida o pasado 19 de xullo, chamou a atención da KAUST, prestixiosa institución árabe dedicada á investigación científica e tecnolóxica, que solicitou a incorporación inmediata de Oriona ao grupo de investigación en Enviromental Statistics. Segundo apunta a universidade saudita, no proceso de selección valorouse moi positivamente a traxectoria de Oriona nun centro do prestixio do CITIC, con investigadores de tan alto nivel. “Isto foi, sen dúbida, un punto crave para a miña contratación”, considera o investigador.
“Entre os proxectos para desenvolver, abordaranse certos retos de investigación propostos polo Goberno saudita. Por exemplo, a análise estatística dos efectos do cambio climático na flora e a fauna do país, ou o desenvolvemento de algoritmos orientados á mellora da eficiencia enerxética en distintas cidades sauditas”, explica Oriona.

PUBLICIDADE