Androidayuda.com: nova páxina para non deixar nada sen cubrir do sistema operativo de Google

mércores, 14 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Para os que xa saiban en que consiste Android (ese sistema operativo de Google para teléfonos intelixentes e tablets que ten a vantaxe de ser aberto, baseado en Linux e polo tanto achégase de partida a un mellor prezo, aínda que con matices) e para os que anden aínda pensando que se trata dun personaxe de Star Wars, dicirlles que vén de xurdir no panorama en liña unha web que pretende esvaecer tódalas dúbidas que teñamos sobre a cuestión. Trátase de Androidayuda.com, un portal con novas, aplicacións, xogos e titoriais e que vén da man do GrupoADSLZone coa arela de non deixar por cubrir ningún dos elementos visíbeis ou invisíbeis de Android.
“Na nova páxina”, informan, “atoparedes todo o relacionado coa ferramenta de xestión do xigante de Internet, información para móbiles, actualizacións, manuais de axuda, análises de aplicacións e xogos, etc”. Dirixindo as actividades do portal atópase Miguel Ángel Criado, xornalista TIC con longa experiencia en medios como El Mundo ou o recentemente desaparecido Público. A web tamén conta coas achegas de Enmanuel Jiménez, especialista en telefonía móbil, Víctor Rodríguez, experto en Android, ou Miguel Ángel Muñoz, xornalista con máis de dúas décadas de traxectoria na prensa do sector.

PUBLICIDADE