Android incrementa os seus ingresos por aplicacións en España

xoves, 16 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Reparto de ingresos en España durante os últimos 6 meses

A holandesa Distimo está a analizar o mercado das aplicacións móbiles, dando conta dunha rechamante tendencia en España: os ingresos a través de Google Play están a dispararse, superando aos da App Store nalgunhas aplicacións.
Nos últimos anos, pese a que Android é o sistema operativo móbil dominante, os desenvolvedores continuaban a apostar por iOS por ser a plataforma máis rendible, pero pouco a pouco o peso económico dos dispositivos baseados no sistema operativo de Google vai incrementándose, chegando a superar a Apple en países asiáticos como en Corea do Sur, o que pronto podería pasar en España, se atendemos a aplicacións como Los Simpson: Springfield, Top Eleven, Pet Rescue Saga, Megapolis, Angry Birds Go! ou LINE, que no noso territorio están a xerar máis ingresos a través de Google Play que da App Store. De feito, os únicos países do mundo nos que durante o Nadal Angry Birds Go! ingresou máis en Android que en iOS foron España e Corea do Sur.
Durante 2013 o volume de ingreso a través de aplicacións en España pasou de vir un 18,2% de Android no mes de xaneiro a un 39,5% en decembro, polo que quedaría pouco para superar a iOS de xeito xeral, demostrando que, aínda que cada usuario de iOS gasten moito máis que cada usuario de Android, a aposta por chegar a un público maior deste último pode chegar a compensar.

PUBLICIDADE