Android Wear xa conta con xogos

xoves, 10 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Aínda estamos lonxe de coñecer a fondo as posibilidades de Android Wear, pero non debería sorprendernos que unha das primeiras creacións publicadas para esta plataforma de software para os smartwatches baseados en tecnoloxía de Google sexa un clon do célebre Flappy Bird, que pode descargarse de balde en Google Play e do que incluso está dispoñible o seu código fonte.
O xogo desenvolveuse empregando o libGDX Game Engine e seguindo un titorial sobre como facer un clon de Flappy Bird, demostrando así que era inevitable que os smartwatches recibisen xogos aínda que sexan creacións tan sinxelas como un xogo que limita o seu sistema de control a dar toques na pantalla para controlar a altura dun personaxe que deberá evitar obstáculos durante o maior tempo posible.
Aínda que son poucos os dispositivos con Google Wear dispoñibles no mercado, en Google Play xa contan con aplicacións como Google Maps, Hangouts, Pinterest, musiXmatch, Runtastic e moitas outras que buscan demostrar que levar un dispositivo con Android no pulso pode resultar de grande utilidade baixo certas situación.

PUBLICIDADE