Android Things estrea versión 1.0

luns, 7 de maio do 2018 Marcus Fernández

Anticipándose á celebración do Google I/O anúnciase oficialmente Android Things 1.0, un sistema operativo administrado por Google que está orientado aos dispositivos da Internet das Cousas, de xeito que os fabricantes de dispositivos que queiran gozar das infraestruturas de rede de Google poden desenvolvelos empregando este sistema como base, para centrar así os seus esforzos no seu produto.
Android Things leva uns meses en probas, con máis de 10.000 desenvolvedores participando nos ensaios que permitiron a madurez desta plataforma que pode funcionar que pode funcionar sobre os novos módulos NXP i.MX8M, Qualcomm SDA212, Qualcomm SDA624 e MediaTek MT8516, certificados para usos en produción e cun soporte garantido por un mínimo de 3 anos, de xeito que son unha boa opción para levar prototipos ao mercado, manténdose tamén a compatibilidade cos sistemas empregados durante as probas (o modelo B de Raspberry Pi 3 e o módulo NXP i.MX7D).
Esta nova plataforma xa está lista para produtos de mercado, como altofalantes que integren o Asistente de Google, dos que veremos varios modelos chegar ás tendas de aquí ao verán, e aos que tamén se unirán solucións innovadoras como unha base que transmite á nube información de saúde captada por dispositivos wearables ou unhas grandes pantallas conectadas instaladas en lugares públicos que amosarán imaxes.

PUBLICIDADE