Andrés Mazaira falou na sede de Coremain da importancia de sermos innovadores e simplificar os nosos servizos

luns, 15 de abril do 2013 Redacción

Andrés Mazaira, profesor universitario e responsábel de iniciativas empresariais TIC como Bridge Mediatech, foi convidado os días pasados para participar nun encontro cos profesionais da firma santiaguesa Coremain, aos que animou a ter en conta a importancia de involucrárense na xeración de valor e ideas innovadoras que sexan quen de romper paradigmas e modelos establecidos. A cita, que se desenvolveu con feitura de relatorio-debate na sede da propia compañía, centrouse polo tanto en desbotar a vella idea de asumirmos nunha empresa un papel secundario en todo intre en que non temos participación formal na directiva. A xuízo de Mazaira, tódolos integrantes dunha iniciativa empresarial son igual de importantes para o desenvolvemento da mesma, sendo o valor dunha empresa, precisamente, o que lle achegan os seus empregados. “Así”, dixo, “cada traballador debe facerse imprescindible creando un valor que alguén non puidese achegar”.
Asemade, lembrou que non debemos darlle tanta importancia á información e ao dato como ao que podemos facer con eles: “Se somos quen de facer útiles para a toma de decisións os datos que almacena un cliente”, entón xa o temos gañado. Apoiándose neste exemplo, advertiu que as cousas, ou se utilizan ou son un custo, e se ao cliente lle metemos moitos custos acabaremos por perdelo. Ao fío disto, e concretando en cousas tecnolóxicas, indicou que “debemos ter coidado coa saturación, xa que moitas veces podemos caer no erro de ir dotándoo de novas características até saturalo, cando o éxito pode estar en quitar funcións e innovar facendo un produto disruptivo novo”. Exemplo diso, comentou, son as tablets ou os computadores específicos para un usuario concreto, aos que podemos chegar tras analizar as necesidades do cliente e quitarlles funcións e aplicacións para acadar un produto máis sinxelo.
Andrés Mazaira, que foi presentado polo director xeral de Coremain, Luís Álvarez Sestelo, é licenciado en Económicas e Empresariais por ICADE, doutor en Administración de Empresas pola Universidade de Vigo, con formación específica en Dirección de Empresas de Servizos por ESADE e comparte os seus coñecementos con empresas ofrecendo asesoramento para que incrementen a súa oferta de valor apostando polo crecemento e a innovación.

PUBLICIDADE